Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!

LETRAS GALEGAS 2002

Frei Martín Sarmiento

(Villafranca del Bierzo (León), 1695; Madrid, 1772)

 

Prototipo do saber enciclopédico do Século das Luces, foi un gran defensor das ciencias que cultivou as máis variadas investigacións sobre Galicia.

Martín Sarmiento nace, como Pedro José García Balboa, en Villafranca del Bierzo (León), en 1695. a súa infancia transcorre en Pontevedra, onde o seu pai se trasladara a traballar.

Entra na orde benedictina e cursa Artes no mosteiro de Lérez. Ós quince anos marcha para Madrid a vesti-lo hábito benedictino. Estudiará ademais Filosofía no mosteiro de Ireche, e Teoloxía en Salamanca.

Emprende viaxe por terras de Asturias e Galicia, anotando coidadosamente os seus percorridos que serán fonte de noticias, curiosidades e futuras iniciativas. En Asturias, atopámolo nos conventos de Celorio e de S. Vicente de Oviedo, onde coñece a Feijoo, de quen chegaría a ser un gran defensor.

No ano 1726 traballa afanosamente nos códices do arquivo da Catedral de Toledo, achegándose de preto ó estudio da poesía medieval. Volta a Galicia no ano 1745 e novamente en 1754. prolonga entón a súa estadía interesado, sobre todo, polos temas da natureza: flores, plantas, cunchas e animais.

Sarmiento foi un autor verdadeiramente prolífico, que a penas publicou en vida (a "Aprobación" á Ilustración Apologética del Theatro Crítico Universal de Feijoo, 1729; un Soneto al impugnador del Theatro Crítico, 1749; a Demostración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal, 1732; e a Dedicatoria na Flora Española de José Quer), permanecendo boa parte da súa obra inédita. Os máis de setenta traballos da súa bibliografía impresa –unha mínima parte dos manuscritos– son pois póstumos. Os orixinais foron recollidos e copiados polo seu amigo Francisco Dávila, que os reuniu en 17 volumes, hoxe gardados na Biblioteca Nacional. Outra colección foi compilada polo duque de Medina Sidonia e tres dos seus tomos foron doados ó Museo de Pontevedra.

O seu estilo foi sempre cualificado de natural polo seu carácter oral.

Abarcou case tódolos campos do saber: Xeografía, Historia, Arqueoloxía, Numismática, Arte, Filoloxía, Literatura, Ciencias Naturais, Matemáticas, Física, Medicina, Socioloxía, etc. A súa figura supuxo a apertura dun novo camiño para o estudio e o ensino, sendo considerado xunto con Feijoo e Jovellanos un dos grandes no campo da didáctica.

Respecto á súa relación con Galicia, sempre sentiu un enorme amor pola súa terra e a súa lingua. Sen embargo deixou moi poucos textos escritos en galego: unha conversa versificada (as Coplas de Perucho e Maruxa) e anacos soltos en tratados e cartas. Para o finxido autor das Coplas adoptou o nome de Marcos da Portela, que logo se convertería no título do primeiro xornal en galego, dirixido por Lamas Carvajal. Como gran defensor do idioma galego propuxo a edición de textos e a creación de cátedras para a súa ensinanza. Martín Sarmiento foi o primeiro en interesarse polo idioma e dignificalo, non só como lingua de estudio, senón tamén de uso coloquial.

 

Enlaces relacionados coas Letras Galegas 2002

Consello da Cultura Galega: Proxecto Sarmiento

diadasletrasgalegas.com

 

Páxina principal / Datos/Situación  / Estudios ofertados / Xefatura de estudios / Secretaría / Departamentos 

ENL A Miñoka / ANPA / V. Paz Andrade