Unha páxina por
José Benito Freijanes
No congreso celebrado non hai moito tempo na Illa de San Simón, eu mesmo preguntei en público ao doutor Giuseppe Tavani tres cuestións sobre a cantiga de Meendiño que, ademais de aparentemente irrelevantes, tampouco parecen ter nada que ver coa polémica tese que a doutora Camiño Noia mantivo sobre a autoría feminina dalgunhas cantigas de amigo galego-portuguesas. Non embargante, estudiadas en profundidade aquelas preguntas, poden axudarnos a acadar conclusións ao noso entender interesantes, sobre o tema desenrolado pola doutora viguesa. Atendendo á natureza do presente traballo, ímonos referir aquí soamente a unha daquelas cuestións, deixando as outras dúas para posteriores artigos.
A pregunta é a seguinte: no verso segundo da quinta cobra de Meendiño, pódese ler:
morrerei fremosa no mar maior,e así mesmo, no seu equivalente da cobra quinta dise:
morrerei fremosa no alto mar 1.¿Pode a palabra fremosa ter sido constantemente mal, ou ao menos soamente medio ben traducida ás linguas modernas? ¿Pode o termo mesmo indicar unha diloxía sutil moi en concordancia coa mesma ambigüidade das propias cantigas en cuestión?
Comecemos polo principio. Mesmo expertos e expertas como Mercedes Brea teñen admitido:
Non deixan de ser curiosos eses casos nos que fremosa (ou velida), posta en boca da amiga para referirse a si mesma, vai vinculada, como valores antitéticos, a triste, sanhuda ou coitada. Aínda que este termo non apareza explícito, advírtese polo contexto o estado de ánimo correspondente. Lembremos, ademais destes versos de Mendiño, aquel "por mui fremosa, que triste m'en parti" da cantiga 2 de Johan de Cangas, e tamén And'ora triste, fremosa, de Lopo, ou Por mui fremosa, que sanhuda estou, de Pero Meogo2.Quizais o valor non sexa tan antitético como en principio aparenta, senón precisamente complementario.
En latín temos, por unha banda, o adxectivo formosus -a -um, ao que o Diccionario adxudica as seguintes acepcións:
[de forma]. Cic. Hermoso, bello; (m., f.) Buen mozo, buena moza3.E, por outra, o verbo fremo, is, ui, itum, ere 3 INTR., do que damos acepcións segundo tres diccionarios diferentes:
- producir [con la voz] un ruido sordo y continuo; [dic. de animales] gruñir, mugir, rugir, relinchar, aullar, ladrar, etc. [y de hombres] murmurar, gemir, producir un murmullo [de aprobación o de protesta] || zumbar (concitata saxa, las piedras disparadas) || resonar. TR.: decir, manifestar con un murmullo; pedir clamando || indignarse contra (consulatum ereptum, f., indignarse porque se le ha arrebatado el consulado)4.
- 1. rugir, bramar, resoplar, mugir fremit leo V., lupus VO. aullar, equus VO. relinchar; venti O., aequor O., fremant omnes licet, dicam quod sentio Ci. aunque rujan todos, diré lo que siento. || 2. murmurar, quejarse de eadem V., haec L., consulatum sibi ereptum esse Ci 5.
- [del griego bremo = bramar]. Bramar, rugir, mare, V. Fl., venti, Ov., undae, Stat.; relinchar, equus, Virg.; ahullar [sic.], lupus, id. - Fremere imperia, Cass., murmurar de las órdenes. Fremere arma, Virg., gritar a las armas. Cuncti simul ore fremebant, id., todos apoyaban con murmullos de aprobación. Consulatum sibi creptum fremit, Cic., brama de ver que le han quitado el consulado. Viae laetitia, ludisque plausuque fremunt, Virg., resuenan los caminos con el alegre ruido de los juegos y de los aplausos6.
Como se pode apreciar, deste verbo deriva o adxectivo fremosus -a -um. Compre tamén citar o derivado fremens -ntis que, segundo o mesmo último diccionario, significa
[part. pres. de fremo]. Ov. Que brama, que hace mucho ruido; Virg., Ov., Espantoso, horroroso. - Epistolae frementes, Plin., cartas escritas con indignación. Fremens equus, Hor., caballo que relincha7.
Observamos que, ao menos en aparencia, é factible que o participio do verbo latino fremo evolucionase no galego-portugués medieval ata chegar a significar queixoso, lamentoso ou doente, e mesmo os equivalentes positivos a estes valores (exultante, etc.), con tal de que se desen voces; posibilidade que, que nós saibamos, nunca ata agora se tivera en conta polos filólogos dos tempos modernos.
En concreto, achamos un razoamento moi significativo con respecto á utilización do termo en cuestión: cabe preguntarse por que, se na época dos trobadores a palabra formosus evolucionara ata interpoñerse o [r] na primeira sílaba, [fremoso], como vemos no romanés actual -única lingua romance que ten esta peculiaridade: frumos, frumoasa-, non se conservou deste xeito nin no galego nin no portugués modernos, nin mesmo na lingua mirandesa, sendo, como son, tres posibilidades contra soamente a do antigo castelán fermoso. ¿Porque, despois de esta evolución nun ambiente tan afastado da terra de orixe do latín, a palabra retornou a unha forma máis preta da orixinal?
Por outra banda, cabe pensar que a cantiga de Meendiño achégase máis ao noso galego oral dende este punto de vista que a xeneralidade das obras do seu corpus. Para que nos fagamos unha idea, a media de carácteres por palabra das sete cantigas de Martín Codax é de 3,97; exactamente a mesma cá das tres de Joam de Cangas. No que se refire aos autores dos que soamente coñecemos unha cantiga, Meen Vázquez de Folhete é quen menos media dá de carácteres por palabra: 3,63. Logo veñen Fernando Lago, con 3,67; Fernán Gonçalvez de Seabra, con 3,71; Gómez García, 3,81; Golparro e Pero d'Ornelas, con 3,84; Sancho I o Vello, 3,86; Rodrigo Eanes d'Alvarez, 3,9; Vaasco Gil, 4,03; Pero d'Ambroa, 4,15; Fernán Figueira de Lemos, 4,2; Rodrigo Eanes Redondo, 4,29; Reimon Gonçalvez, 4,3; e Nuno Porco, con 4,71. Como se ve, soamente este último excede a Meendiño neste senso. Consecuentemente, a media total de todos os autores cunha única obra é de 4,02; tamén moi inferior ao resultado da cantiga de Meendiño illada.
Entre todo isto, a palabra fremosa aparece sesenta e nove veces, ben en singular ou en plural, irregularmente repartida entre vintenove autores. Pola contra, o seu masculino, fremoso, aparece soamente sete veces, entre catro autores. Como curiosidade, dicir que é esta forma a que presenta o maior problema de traducción ao galego moderno segundo a teoría das diloxías que aquí propoñemos, pois na única cantiga de Pedro Amigo de Sevilla na que se le este vocábulo, dise:
e fremoso pano pera gonela,traducido ao galego moderno por
e fermoso tecido para saia.Tal frase se pode tamén interpretar de dúas formas:
Neste último senso, compre investigar se pano non era tamén o sinónimo para certo tipo de verso ou canción, quizais coa súa orixe no verbo latino pando (cantar), ou pango (compoñer), ou mesmo no substantivo paeon -onis, pé de verso latino. Cabe salientar como curiosidade, que no orixinal manuscrito da Biblioteca Nacional de Lisboa, a palabra fremoso vai precedida por dous efes. En troques, o verso de don Dinís
un papagai moi fremosofainos reflexionar acerca do feito de que el-rei escollese precisamente unha ave parolante que non tiña que ser moi corrente no seu tempo.
Non deixa de ser consecuente con estes datos que, se o diminutivo fremosinha aparece en total cinco veces, o seu masculino fremosinho non se ache nin unha soa en todo o corpus traballado. O curioso é que, desas cinco veces, dúas aparece na obra de Bernal de Bonaval, o que pode ser considerado como rasgo estilístico, xa que este segrel produciu as dúas quintas partes do número de veces en que aparece ese vocábulo, nas súas oito composicións. Os outros tres que escriben fremosinha son Joam Zorro, Afonso Sanches e Amigo de Lourenço. É cuestión salientable o feito de que algo considerado tan tradicionalmente feminino como é a utilización dos diminutivos agarimosos, apareza precisamente en maior porcentaxe nas obras das que non cabe dubidar da masculinidade do seu autor. De Bernal de Bonaval se coñecen mesmo os nomes dalgunhas das amantes que tivo12.
Se facemos caso a Tannen, o discurso lingüístico masculino e o feminino difiren en función dos papeis que se asigna a cada sexo13. Á pregunta de se ocorrerá o mesmo na escritura, Mary P. Hiatt resposta co seu estudio das diferencias entre a linguaxe empregada polas escritoras americanas do século XIX e os seus colegas homes14. Traballou sobre un corpus diferente para cada un dos dous sexos, cada un de 40.000 palabras. Como poñer en práctica todas as probas que ela fixo sería cuestión de escribir unha longa obra especializada ao respecto; nós ímonos conformar polo de agora coa lista que Hiatt apuntou dos chamados "adxectivos femininos", unha serie deles que as mulleres tradicionalmente adoitan utilizar en maior proporción que os homes, tal como ela conseguiu demostrar. ¿Sucederá o mesmo en galego? Traduciremos ou interpretaremos estes termos na nosa lingua, para logo facer a comprobación con dous corpus por separado que correspondan a textos poéticos en galego escollidos ao chou.
Para ilo, a primeira parte da nosa experiencia foi xuntar ao efecto un corpus feminino de 30.000 palabras de poesía galega de todos os tempos, e outro masculino doutras 30.000, co obxecto de aplicarlles o experimento de Hiatt e achar se podemos, deste xeito, chegar a algún resultado que se poda considerar minimamente concluente ao respecto.
Mentres, no noso corpus de cantigas de amigo, as mesmas expresións que empregou Hiatt, ou palabras equivalentes, aparecen nas cantidades seguintes (considerada a frecuencia como o número de veces que aparece a palabra dividido polo número total de palabras do corpus):
As frecuencias están calculadas baseándonos no número exacto de palabras de cada corpus. Feita a comparación entrambos corpus, achamos que son eminentemente femininas a utilización do sufixo diminutivo e dos adxectivos querido/a, pálido/a,encantador/a e precioso/a e os seus sinónimos, en tanto que os homes teñen preferencia polos adxectivos pequeno/a, ledo/a e os seus sinónimos,belo/a e sinónimos, doce,fermoso/a, lene e sinónimos, e desexoso/a e sinónimos. Destas contas podemos deducir tamén que, efectivamente, xeitos de expresar o agarimo consideradas tradicionalmente como femininas en galego (caso dos diminutivos ou do adxectivo "querido") teñen sido máis utilizadas na nosa poesía polas mulleres que polos homes.
En total nomeamos catorce trazos, dos que o corpus das cantigas se achega máis ao de mulleres na presencia ou ausencia de cinco deles, a saber: pequeno/a, doce, pálido/a, lene e desexoso/a (sempre tendo en conta variantes); máis ao de homes no uso de sete, a saber: -iño/a, querido/a, ledo/a, belo/a,pálido/a, fermoso/a, encantador/a e precioso/a; e queda indiferente no uso de dous: adorable e afecto/a.
Tamén tivemos en conta a lonxitude media relaativa das palabras empregadas nesta pescuda, que é de 6,4 letras, moito máis preto da media do corpus do galego moderno que do antigo. Das cinco formas investigadas que teñen catro letras ou menos (é dicir, as máis achegadas á media do corpus das cantigas), o corpus das cantigas achégase máis aos homes que ás mulleres en tres delas, e en dúas máis ás mulleres que aos homes. Das sete formas máis longas de catro letras nas que se observa unha tendencia, as cantigas se achegan máis ao corpus de mulleres en tres, e máis ao de homes en catro. Como consecuencia, podemos concluir que o total do corpus das cantigas de amigo presenta, neste senso, unha tendencia lixeirísimamente masculina na súa escritura, que deixa, na nosa opinión, a porta claramente aberta á posibilidade de que algunhas desas cantigas teñan sido escritas por mulleres.
O seguinte paso que propoñemos aquí será separar do corpus total aquelas cantigas de amigo sospeitosas de poder ter sido compostas por mans femininas, e aplicarlles os sistemas e as estatísticas suxeridas neste estudio para comparalas co resto. De momento imos deixar isto para outra ocasión, xa que non é o noso propósito estendernos demasiado polo de agora.
freija@uvigo.es |